Picatoste e Fariña
Tito Fariña, foi para min, como para moitos surfeiros da bisbarra un amigo e un referente. Quixera polo tanto contribuír no seu libro. Aporto diversas anécdotas que tiven con el así como os meus compañeiros de equipo.
Polo particular, eu, Xose Picatoste, pasei moi bos momentos con el, e chegou ser un amigo. Arranxoume a miña primeira táboa shortboard e me fixo unha foto con ela, foto que adxunto no correo electrónico. Comentoume tamén que a miña táboa tiña unha marca moi boa. Lembro tamén de cando me dixo que non era bo pintar as táboas (para personalizalas), pois gañan moito máis volume e peso e non “serpentean” ben por riba da auga. A verdade é que razón non lle faltaba.
Como outra anécdota quixera recordar cando o chamei pouco despois de saír do mar este derradeiro verán, antes que nos deixara, para me arranxar un golpe que recibira nun campionato do circuíto galego en Pantín, Valdoviño. Chameino para levarlle a táboa, e me dixo que o chamara cando estivera no taller porque se atopaba mal. Eu non lle din importancia. A miña sorpresa foi, cando, uns meses despois espertei unha mañá tempo despois e me comentaran unha mala nova. Estaba que non o cría, pero fun igual ao mar, a dar un baño na Praia de Cirro. Se cadra, collín as nosas ondas con moito máis agarimo e dedicándollas todas a el.
En resumo, todos os surfeiros da entidade deportiva “Sada Surf Clube” (Antón e Juli entre outros) estamos inmensamente agradecidos a este gran home. Con gran pena de perdelo, porque como dicimos na nosa familia, non hai mellor home, mellor persoa e, o máis importante, que é INSUSTITUÍBEL. Ninguén nunca terá o sorriso que el tiña, nin lle será á xente tan agarimoso como Tito Fariña. Ninguén esquecerá tampouco o seu recuncho de Adelaida Muro.