Unha historia de galegos
Todo comezou no 1967, cando Félix Cueto, posibelmente quen fose o primeiro surfista do Cantábrico, chega a A Coruña dende a súa Asturias natal para estudar a carreira de Náutica. Coincide na Escola de Náutica co seu amigo Amador Rodríguez e o madrileño Javier López Chicheri, quen vaise iniciar no surf grazas a Félix cunha prancha que o asturiano fabrica no 1968. A través da pesca submarina, Javier e Félix coñecen ós locais Tito Fariña e Rufino Tizón, aínda que eles dous non empezarían co surf até anos máis tarde.
En 1969, Miguel Camarero e Gonzalo Viana, que levaban dende facía tempo co surf na mente, encóntranse con Félix Cueto no Orzán. Eles tamén estudaban Náutica, mais dous cursos embaixo do de Félix. De súpeto créase entre eles unha profunda amizade. Félix aprendeulles a surfar, constrúe algunha prancha máis para iren os tres xuntos ó auga e vende a Miguel unha prancha inglesa Bilbo.
Paralelamente a Miguel e Gonzalo, no verán de 1969, Víctor Montenegro observa como unha persoa, posibelmente un estranxeiro no seu percorrido cara a Portugal, colle unha onda na praia de Patos, Nigrán. Aquilo convenceuno de que na súa praia pódese surfar, e xunto co seu irmán Nacho e os seus amigos Nicolás Pita e Ángeles Vega vanse propoñer fabricar dúas pranchas, mais o seu intento vai rematar sendo un estrago. Nunha revista descobren que hai un taller en Baiona (Francia) no que se fan pranchas de surf, así que collen o seu Seat 600 e marchan cara alá a por unha prancha das de verdade. En Biarritz, na tenda Jo Moraiz, fanse cunha Barland. Surfarán en Patos, case en solitario, até 1975.
En 1970, o coruñés Carlos Bremón é convencido por un compañeiro do banco no que traballa para probar un novo deporte chamado surf. O seu amigo atopara unha pesada prancha traída dende Venezuela pousada sen uso nun garaxe. Próbana na praia de Barrañán, e Carlos fica enganchado ó surf.
No outono de 1970, logo do afundimento do cargueiro Erkowit e do pesquiro A Isla, Carlos preséntase como voluntario na recén creada Cruz Vermella do Mar. Nas prácticas coñece a Miguel Camarero, que tamén se presentara como voluntario, e fanse amigos de contado. Rufino e Tito que, a través da pesca submarina teñen contacto co grupo primixenio de surfeiros da Coruña, bótanse a fabricar unha primeira prancha. No inicio, non teñen éxito, pero a tenacidade de Rufino, e o seu enxeño, vaille levar á construción dos primeiros trebellos cos que xa se pode surfar. Outro que vai tentar a fabricación vai ser Miguel Camarero, mais con escaso éxito. Rufino vai acadando maior destreza na fabricación de pranchas e chega a producir a súa propia escuma de poliuretano. Neste proceso será fundamental a figura de Darryl o surafricano, chegado por accidente a Coruña, e que, nos tres meses de estadía, aprende a Rufino os segredos do oficio de artesán de pranchas. Entre 1972 e 1983, Rufino produce 300 pranchas, que permiten a moitos galegos iniciarse na práctica do surf.
Ao fato inicial de surfeiros coruñeses únense outros. Algúns da Escola de Náutica, que nos primeiros anos vaise converter no viveiro máis importante de surfeiros; outros chegados da natación como Alejandro Mesías, Luis de la Peña ou Enrique López-Ramos; outros amigos dos xa surfeiros, como José Rodríguez “Patacón”, José Andrés...
En 1971, Carlos Bremón viaxa até Asturias para entrar en contacto co grupo de surfeiros de Tapia. De camiño descobre as praias de Vilarrube, que surfa por primeira vez no 1971, e Pantín, onde colle as súas primeiras ondas en 1972.
Un pouco máis ó norte da Coruña, en 1972, Juan Abeledo fillo, que dende cativo pasa os veráns e longas tempadas na praia de Doniños, decátase, por medio dun compañeiro co que está a facer a “mili”, que en Cantabria faise surf. O seu pai soñaba co surf dende 1934, cando tiña dezaoito anos. Cos cartos aforrados, e co seu amigo Paco Menéndez, viaxa facendo autostop ata Santander, e de aló trouxo unha prancha. Ao ano vindeiro, múdase a Coruña a estudar Náutica, e conflúe co grupo da Coruña. Case asemade, Carlos Bremón, Rufino, Tito e Miguel Camarero descobren a praia de Doniños nunha tarde de verán de 1973. No 1974, e de novo noutra xornada de procuras, Carlos Bremón descobre, xunto a Luis Otero, a praia de Nemiña.
Mais o surf non principiaría en Ferrolterra na praia de Doniños, senón en Valdoviño. No 1969, impulsada por Pepe Touceda, créase alí a caseta de socorrismo. Entre os voluntarios está Dámaso Bueno, “Maso”. Un día do verán do 1971, aparecen pola praia dous australianos con pranchas de surf. Pepe sabía do labor dos surfeiros como socorristas en Australia, e pensa en facer copia dunha das pranchas. Vailla encargar a Paco Maneiros, traballador no taller de modelaxe de plástico da Armada en Ferrol e con experiencia no manexo da fibra, que crea un molde co que fabrica unha prancha que ten inxectada no seu interior escuma de poliuretano. É con esa prancha coa que Maso empeza a surfar en solitario en Valdoviño. En 1973, Maso vai estudar Náutica á Coruña, e alí coñece ao grupo de surfeiros da cidade, do que xa forma parte Vari Caramés, a quen xa coñecía de Valdoviño. A partires de 1975, trala aparición dun surfeiro dos Estados Unidos, que acudiu a Paco Maneiros a que arranxara as fendas que tiña na súa prancha, este fabrica con outra moldura unha serie de pranchas. Unha para ós seus sobriños Carlos e Fernando Maneiros, que comezan a surfar xunto ao seu curmán Cristóbal Pantín. Algunhas de esas pranchas puxéronse a venda na tenda Yachtland de Ferrol. Paco chegaría a facer unha decena de pranchas con esta técnica preto á produción en serie.
Á medida que medra o número de surfeiros na cidade da Coruña, xorde entre eles a necesidade de organizarse. Na sede da S.D. o Orzán orixínase a Delegación Galega da Sección Nacional de Surf en setembro de 1974. En Novembro de 1974 celébrase o primeiro campionato de surf na praia do Orzán, con Carlos Bremón como gañador, seguido por Rufino Tizón. En 1975, organizouse o primeiro campionato galego na praia de Nemiña, mais ficou suspendido pola falla de ondas. Celebráronse as finais na praia de Barrañán, coa vitoria de Carlos Bremón, primeiro campión galego da historia. No devandito campionato acaeceu o encontro entre os surfeiros do Norte e o Sur da Galiza, que ata do entón foran grupos sen case conexión. A delegación galega da SNS organizou o Campionato Galego de Surf até 1983, un ano logo de que a Sección Nacional deixara de celebrar o Campionato de España. En 1976, Enrique López-Ramos acadou a vitoria. A partires de 1977 comezaría o dominio de Fernando Adarraga, quen comezara co surf no ano 1974, e que faríase co título ao longo de varios anos consecutivos.
Mentres que o surf asentábase na Coruña, en Nigrán, na praia de Patos, o círculo inicial de surfeiros mantívose durante máis dun lustro sen novas incorporacións ata o verán de 1975. É nese intre cando os irmáns Irisarri, que levaban tempo coa idea do surf metida nas súas cacholas, atópanse con Nacho Montenegro e Nicolas Pita, dos que eran amigos da infancia, na praia de Patos. Decontado, o pequeno fato de Patos vaise triplicar ao chegaren dos sete irmáns Irisarri surfeiros. A primeira prancha da familia vai ser unha Dick Brewer mercada a Nicolas Pita no nadal de 1975.
Até o 1975 só se surfaba na praia de Prado. Surfar enriba das “rochas de Monteferro” foi considerado unha tolería até a chegada, primeiro duns neozelandeses, e máis tarde, dun fato de australianos, amosoulles as bondades das ondas do Pico que será surfada por locais en 1977. A partires 1978, medra a súa área de influenza, cando descobren a costa do Norte de Portugal, que será surfada por primeira vez, e durante anos, polos surfeiros do Sur da Galiza en solitario.
Ademais da chegada ao surf da familia Irisarri, 1975 foi un ano importante tamén por outros feitos. É cando o asturiano Luís Bericua chega á Coruña a estudar “aparelladores”. Axiña entra en contacto co fato de surfeiros da Coruña. Xunto a Vari Caramés e José “Patacón” abren no 1979 O’Patacón, un bar que se converte nun lugar sobranceiro da cultura e a transformación social na Coruña, no que se organizan exposicións, conferencias, proxeccións..., e que vai ficar aberto ata 1994. Vai ser tamén lugar de encontro e senlleiro da comunidade de surfeiros a Coruña. En 1976 chega á Coruña, para ficar un ano, o neozelandés Willy Reynolds, que contribuirá a mellora do surf dos locais, e Neme Rico. Tamén en 1975, Juan Abeledo pai, cumpre o seu devezo dende cativo, e grazas a unha boa prancha que vaille conseguir o seu fillo, iníciase na práctica do surf ós 59 anos. Surfará até os 80. Dous anos máis tarde, ademais dos Abeledo, xorde en Doniños o primeiro fato de surfeiros locais. Primeiro os irmáns Antón, logo Juan Chedas, e por último a familia Gómez Carballal – Fernández Couto. Tanto Juan Chedas como Fernando Gómez, principian surfar con pranchas feitas por Paco Maneiros e vendidas na tenda Yachtland. Cristina Rodriguez sería a primeira rapaza en escomenzar có surf.
Unha importante muda de rumbo terá lugar nos anos 1980-81. En 1978, coa carreira de enxeñería naval rematada, Vicente Irisarri comeza a traballar na Coruña, co que a comunicación entre os surfeiros de Vigo e da cidade herculina, que ata o de entón fora puntual, medra. A ligazón consolídase en 1981 cando Vicente múdase a Ferrol. A súa chegada coincidiu coa de Carlos Bremón. Á parte de iniciárense unha gran amizade, xuntos impulsarán o surf na Galiza nos vindeiros anos.
En 1980, unha nova xeración de surfeiros, cos irmáns Torreiro, Chicho e Fernando como os máximos expoñentes, xorde na Coruña. Outros do grupo son Pilar Barreiro, Miguel Cuende, os irmáns Núñez, Arturo Kress, Ramón Corredoira e Carlos Blanco “Twis”. Na zona de Montalvo, Foxos e A Lanzada, os irmáns José e Asís Pazó, Lisardo Gálvez e André Teixeira substituíron as pranchas de windsurf coas que empezaran a surfar, por unha Santa Mariana, unha Natural Curves e dúas pranchas construidas por André na súa casa en Povoa do Varzim. Nas praias de Pantín e A Frouxeira, xorde un novo grupo de locais contorna ás casetas de socorrismo de ambas praias. Gonzalo Barro, Luís Novo, Juan Cortabitarte e outros serán a avanzada dunha nova xeración que xorde nestas praias e nas veciñas de Ferrol. Mentres, en Vigo o número de surfeiros non medra apenas, e agás Alfonso Montenegro, Balbi Irisarri, os irmáns Riera e Miguel Fariña, até 1982-83 non aparecen novos surfeiros. Ábrese en Vigo, con todo, un sendeiro de conexión co surf mundial. En 1982, José Irisarri principia a traballar en Pescanova. Cada tres meses viaxa a Sudáfrica, onde empeza a traer pranchas, co que o intre histórico da transición das pranchas “single fin”, ás “twin fin” e aos primeiros “thruster” de Simon Anderson, é vivida en directo na Galiza grazas ás viaxes de Jose. Axiña como chegan as pranchas a Vigo, estas viaxan á Coruña, onde Rufino fai copias perfectas das últimas Lightning Bolt, Ben Aipa, Mark Richards, Gordon&Smith… Ademáis, grazas a súa subcrición á revista Surfer, a familia Irisarri pasa a formar parte da súa Surf Watch Staff, co que as novas sobre a Galiza principian a aparecer nos Surf Report que acompañan á revista. Editarase un especial acerca da costa do norte de España, cunha extensa referencia a Galiza, no 1986.
A partires do 1984 todo vai bulir. Na zona de Ferrol, aumenta o número de surfeiros locais na praias de Doniños e Valdoviño. Carlos Bremón e Laly Ortega abren a primeira tenda de surf na Galiza, Aquasurf, no 1986, á que vai seguir Yuyuba, de Juan Chedas, en Santiago de Compostela en 1988, e Kowabunga, de Nano e Chiri Couto, en Ferrol en 1989. A mediados-finais dos oitenta, aparecen as primeiras marcas locais de pranchas coma as Boreas da familia De Castro-Suevos e Toma Goma dos Veiga. En 1988 vaise crear o primeiro club de surf da Galiza, o Océano Surf Club, que nese mesmo ano organiza a primeira edición do Pantín Classic. Na Coruña, os oitenta serían unha época de escasa evolución até que no 1990 abren as primeiras tendas. Okena sería a tenda sobranceira e principal impulsora do surf na cidade. Tras Okena abrirá Duke. En Vigo, a explosión definitiva ten lugar no 1986 coa apertura do taller Frus por Pedro Pinies e Kike Lago. A Miguel e Carlos Riera, Miguel Fariña… xúntanse, entre outros, José Mendiola, Marcos Torrado, David Valladares, Julián “Queima” ou Ángel Pozas. A apertura de Novalbos en 1989, será o feito que vai consolidar de xeito definitivo o surf en Vigo e na Galiza